TONECHO DE REBORDECHAOBreogán Riveiro
Rebordechao é unha aldea que queda alá por... chegando á... O certo é que non é doado atopar Rebordechao, nen sequera aínda que a busques. Neste lugar perdido vive Tonecho, o neno máis bo e máis guapo, o mellor de todos, porque en Rebordechao... non quedan máis nenos ca el.
No relato cóntanos moitas cousas: como é a vida na aldea, como é a escola unitaria na que a súa mestra Sabela lle aprende cousas que non veñen nos libros, a súa amizade con Kevin... E ademais, coñeceremos os seus avós, que como di Tonecho son coma nenos: discuten polas cousas máis insólitas pero cun aquel que demostra o que é o verdadeiro amor.
Na aldea Tonecho non ten tempo de aburrirse. A paisaxe é fermosa, tanto se neva como se vai sol, e cando chove gústalle quedar a carón da lareira e escoitar os milleiros de historias que saben os avós. Ademais, hai casas baleiras nas que entrar, froitas que roubar e corredoiras que percorrer.
Precisamente a afección de Tonecho a deambular pola aldea será a orixe dunha emocionante aventura e dunha descuberta relacionada coa arrepiante historia dun lobishome que viviu por aquelas terras. Ao final todo quedará en nada, pero, vaia susto que nos deu o Tonecho!
No IES de Becerreá, no club de lectura leron este libro e entrevistaron a Breogán Riveiro. Se queres ler a entrevista pica aquí.






